La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Leo nunha revista de Madrid un artigo sobre Antonio Machado e a Guerra Civil que a forza de ser entusiasta e eloxioso, resulta inútil. Á parte da pedrería retórica na que está escrito, que ofende ao poeta con adxectivos catastróficos e sonoros, que este nunca merecería, tales como “ínclito”, “ebúrneo” e “prístino”, non di nada que se poida aproveitar. Trátase dun traballo completamente baleiro, unha oquedade monumental de máis de vinte páxinas para tirar unha conclusión innecesaria: que a República se portou moi ben con Machado.

Sen que isto se teña posto nunca en dúbida, non obstante, tampouco é certo dunha maneira absoluta. O editor Ruiz-Castillo ten contado moitas veces como don Antonio foi detido en Madrid por un grupo de milicianos ignorantes, que non sabían quen era, e de que maneira o poeta chegou a aceptar no seu interior a posibilidade de ser sacado pola noite e asasinado. Finalmente rescatouno un amigo.

Algo parecido lle sucedeu ao seu irmán Manuel, só que no outro bando. Detivérono en Burgos, sinalado pola man cainita dun periodista que facía a guerra comodamente desde París, baixo a acusación malévola de que o poeta era amigo do alcalde socialista de Madrid. Salvouno unha monxa. É dicir, que o destino puido converter a Manuel nun mártir, sacrificado salvaxemente polo franquismo, como Lorca; e a Antonio nunha vítima máis da barbarie roxa, como Muñoz Seca. A historia, tantas veces absurda, daquela non quixo volverse tola.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de febreiro de 1993.