La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O martes estiven en Xinzo de Limia cuns amigos para pasar o entroido, como todos os anos. Como non se pode andar pola rúa sen disfrace, a non ser que un acepte que o vaian collendo en brazos as pandillas de pantallas para levalo ós bares a pagar unhas roldas, entrei nunha tenda a proverme de material adecuado. Despois de probar un par de sombreiros, optei por un de pirata, con caveira e tibias cruzadas. Non era demasiado, de maneira que decidín completar a cousa cuns lentes e un nariz e bigote, todo integrado nunha peza. Os meus compañeiros elixiron un anteface veneciano, un gorro mouro e un bombín encarnado.

Protexidos dese xeito, ninguén nos molestou e dedicámonos a andar polo Barrio de Abaixo metidos no ambiente. Había de todo, coma sempre: tres curas, un cardeal con cara de goliardo golfo e lampantín, o Ramón Peaguda cunha gescartera de coiro e unhas alusións chocalleiras a Rodrigo Rato, e unha máquina xigante, desas nas que se mete unha moeda e sae un regalo ou unha piruleta, pero que daba señoritas de verdade vestidas de coello.

Pola tarde, despois de comer o cocido e as orellas, fomos ver o desfile. Había miles de persoas mirando e durou máis de dúas horas. Estivo moi ben, aínda que para o meu gusto había demasiados toreros e un número excesivo de mozas vestidas de flamenco, ademais de que luciu pouco, menos que outros anos, o desfile das pantallas. Polo demais, o ambiente, fantástico. Confeso que cando veu a democracia e o entroido deixou de ser pecado (¡aqueles sermóns de don Cesáreo mandándonos a todos ó inferno, incluídos os nenos, no primeiro domingo de coresma!), temín por el. Pois non, legal e todo, o carnaval de Xinzo segue apetecendo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de febreiro de 2002.