La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falamos aquí da popularidade de que gozan de novo en toda Europa os bruxos e os curandeiros; do que non tratamos foi da eficacia dos métodos curativos empregados. De cando en vez, lemos nos periódicos noticias de individuos que, utilizando medios máis ou menos relacionados co mundo da maxia, aseguran sandar enfermos que padecen doenzas incurables. Naturalmente, só persoas cunha mentalidade moi infantil son capaces de acreditar nestas cousas, polo menos ata que a realidade as desengana.

Por suposto que tamén nisto hai excepcións. Cando un le as Memorias do Cardeal de Retz, un vicio que convén fomentar, hai un episodio que sempre desconcerta, aquel no que conta o caso dun home con pernas de pau, a quen despois de dar unhas fregas nos muñóns con aceite da lámpada que arde diante da Virxe do Pilar, en Zaragoza, lle medraron unhas pernas novas*. Claro que Retz era un cínico.

O foco da razón é xa tan potente que cada vez deixa menos recunchos escuros onde se poida esconder esa parte inexpicable da realidade que chamamos misterio. Iso está ben. O misterio, se merece nome tan nobre, non ten nada que ver coa falta de luz que ampara as trampas máis ou menos habelenciosas dos prestidixitadores ou que lle serve de escondedoiro á ignorancia, senón coa fondura da propia existencia, un pozo difícil de explorar no que sempre quedará polo menos esa zona inaccesible que empeza na morte.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de febreiro de 1993.

(*) Refírese ao caso de Miguel Joan Pellicer, acontecido en 1638, tan popular que ata el-rei Filipe IV recibiuno e bicoulle, con devoción, a perna nova (N. do E.).