La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eu non sabía que Billy Wilder, o célebre director de cine, tivese fama de gafe. Ademais, polo que lin onte, bastante fundada. En 1960, cando estaba rodando a película O apartamento, morreu dun infarto un dos actores principais. Catro anos despois, o infarto tocoulle ao británico Peter Sellers, tamén dirixido por Wilder, aínda que sobreviviu. En 1966, durante a rodaxe de Fortune Cookie, a mesma doenza estivo a punto de acabar coa vida doutro dos actores do reparto. En 1981, foi Walter Matthau, que sufriu un accidente gravísimo ao tirarse por unha rampla mentres interpretaba un papel na película Aquí un amigo.

O propio Wilder ten contado o que lle sucedeu un día co seu axudante Noel Howard, que tiña tamén esa fama. O tal andaba nun gran coche deportivo, pero non tiña diñeiro para un abrigo, por iso o director lle prestou un. Unha mañá, ía Wilder pola rúa, viu un tumulto, achegouse e alí estaba Noel apagando o incendio do coche co abrigo.

Todo isto, sen embargo, non é nada se o comparamos con outro episodio que lle sucedeu a Wilder en Berlín. Trasladárase a esta cidade para rodar unha película cómica sobre a relación entre as dúas Alemañas, que daquela se comunicaban pola Porta de Brandeburgo. Precisamente, naquel lugar transcorrían algunhas das escenas principais do filme. Pois xusto cando acababa de empezar a rodaxe, levantaron o muro, o cal obrigou á produtora a gastar millóns na construción dun decorado. Por riba, a película foi un fracaso: ninguén ría cunha historia que na realidade se volvera tan tráxica. Se non fose pola simpatía de Wilder e polo éxito da súa vida, calquera diría que realmente era gafe.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de xaneiro de 2000.