La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns anos, consultando uns periódicos antigos, de principios de século, atopeime coa queixa dun señor que estaba indignado porque nun café de Ourense actuaba unha señorita desvergonzada, con pouca roupa, que no transcurso do número que representaba, non tiña reparos en pasarlle a man pola cara aos espectadores ou abrazalos dunha maneira pouco adecuada. O home enfadado reclamaba a intervención rápida das autoridades, a fin de evitar, dicía el, “males irreparables para a moral da nosa cidade”.

Non lle deberon de facer moito caso porque o anuncio da actuación daquela señorita, que se chamaba La Pulguita, seguiu no periódico durante bastante tempo. Tampouco debeu de ter moita transcendencia para o futuro moral da cidade, pois en Ourense, que eu saiba, non se notan en absoluto os males causados por aquela muller.

En Italia, preto de Trieste, tamén se produciu un feito similar, pero con denuncia diante dos tribunais. A un señor que asistía a un espectáculo no que unha señorita quedaba sen roupa, molestouno que esta lle desabotoase a camisa a un espectador, que lle esmagara un xeado sobre o peito e que logo o comese a lambetazos. Os xuíces acaban de darlle a razón: unha cousa é presenciar un strip-tease e outra ter que contemplar unha guarrada. Teñen razón. Para comer un xeado coa lingua hai que usar sempre cucurucho.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de xaneiro de 1998.