La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Acabo de ler un libro no cal, o seu autor, Joan de Sagarra, conta como no verán de 1957, cando aínda non cumprira os vinte anos, planificou con todo detalle, xunto cun amigo do seu mesmo tempo, natural de Cáceres, o ligue de Brigitte Bardot. Tiñan xa todo preparado: pasaportes, mapas, diñeiro e un coche deportivo, descapotable. Se a isto lle engadimos o descaro dos dous golfos e a experiencia en trances similares dun deles, poderíase dicir que só faltaba o consentimento da moza, que tampouco debía de ser cousa fácil.

O plan fracasou porque os aventureiros se asustaron. Moitos anos despois, cando Brigitte Bardot publicou as súas memorias, Sagarra pensou que tiñan perdido a oportunidade da súa vida. Naquela época, segundo ela mesma conta, estaba en Sevilla e pretendeu ligar a un conserxe noviño, chamado Xavier, pero sen resultado.

Parece que o mozo acudiu ao cuarto da actriz, invitado por ela, e botouse a chorar porque lle acababa de morrer a avoa. Indignado por esta versión, o tal Xavier saíu á palestra para deixar as cousas no seu sitio. En primeiro lugar, non se trata de ningún conserxe, senón de Xavier de Caralt i Regás, membro dunha coñecida familia catalá e parente dunha escritora amiga miña. En segundo lugar, o da avoa foi falso: é certo que chorou, pero de susto e de emoción. En terceiro lugar, todo o demais. En cuarto, xa o pode contar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de decembro de 1998.