La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando a Virxe de Fátima veu a Ourense, alá polos anos cincuenta, traía con ela unhas pombas brancas que non se movían da súa beira. Creo que xa teño contado como entre o meu primo José Gonzalo e mais eu ocasionamos un grave problema ao facelas fuxir, non recordo por que procedementos. O caso é que as pombas da Virxe acabaron no alto dunha viga, case no teito da igrexa, e negáronse a volver ao seu sitio, aos pés da imaxe. Recorremos a botarlle millo e cachos de pan, pero foi inútil, para a nosa desgraza.

Agora, tantos anos despois daquel episodio, recibo unha carta dun membro da familia propietaria da empresa de automóbiles Purrela, que citei aquí hai uns días. Cóntame a historia daqueles autobuses mixtos que andaban de feira en feira e dos que eu non sabía que tivesen unha historia tan interesante e tan accidentada.

Dos primeiros vehículos que formaron aquel parque, algúns procedían da guerra, abandonados polo exército, e outros estaban feitos con restos de coches inservibles. Non resultaba fácil facelos andar nunha época na que nin os coches novos funcionaban. Un daqueles autobuses levaba un motor traído de Portugal, pasado de contrabando entre as pertenzas da Virxe de Fátima. Nunca se avariaba. Supoño que esa foi a razón do seu éxito. O que nunca me expliquei, non obstante, foi o asunto das pombas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de decembro de 1996.