La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte estiven en Ourense para participar nas xornadas literarias que organiza cada ano o Liceo daquela cidade e nas que interviron tamén Fernando García Delgado e Manolo Rivas. Naturalmente, ademais da parte oficial, é dicir, os coloquios e as conferencias, unha parte substancial destes encontros consiste en falar no tempo libre que deixa o traballo, é dicir, nos entreactos e as comidas. Con frecuencia, é neses momentos cando se tratan os asuntos con máis soltura e libertade, sen cautelas nin formalismos.

A Manolo e a Fernando gústalles contar historias e ambos os dous saben moitas. Necesitaría un espazo do que non dispoño para narrar aquí unha mínima parte das que lles escoitei, desde a do neto indignado co seu avó, cando aínda estaba de corpo presente, ata a do portugués que atravesou a fronteira nunha moto.

Estes non son máis que os títulos. Gustoume moito a dun poeta galego que durante un recital ao aire libre, de noite, estaba situado debaixo da enorme pedra na que recitaba os seus versos unha fermosa colega. Mentres a rapaza actuaba, o outro berráballe: “¡Voa, voa!” Algunha das persoas presentes entre o público comentou con emoción o detalle, que lle pareceu lírico e sensible. O que pasa é que o poeta agardaba, quizais por iluso, que a moza saltase. Nese caso, segundo dixo, caeríalle entre os brazos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de decembro de 1996.