La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pois resulta que Caracas ten máis encanto do que eu pensaba ao principio. Sacando o problema dos ranchitos, esas pequenas construcións de ladrillo sen revestir que enchen os cerros que rodean a cidade, esta non é fea, aínda que si profundamente caótica. As cousas funcionan bastante mal. Sen ir máis lonxe, aquí no hotel, unha instalación de luxo, non dan os recados, dinlles aos periodistas que saímos a pasear cando estamos agardando por eles nun salón próximo ou tardan media hora en servir un café.

Onte subín ata El Hatillo, unha zona turística de visita obrigada, a media hora do centro. O taxista, un home educado e de trato agradable, que antes da crise financeira que practicamente arruinou o país traballaba nun banco, pareceume un exemplo perfecto deste caos do que falo. E supoño que debe haber taxistas peores.

Para empezar, lía o periódico mentres conducía, despregándoo sobre o volante como se este fose unha mesa. A verdade é que o facía cunha pericia admirable, tanto que non lle dixen nada, pois en ningún momento me sentín inseguro. Por outra parte, tiña a xentileza de ir comentando en voz alta as noticias para min. Ao chegar ao destino, aparcou nun lugar prohibido, cousa que lle fixen notar sen que el se inmutase. O resultado foi unha multa, pero non unha multa normal, senón un disparate do que falarei mañá aquí.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de novembro de 1997.