La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ese volteriano do que falei outro día e do que dixen que me caía antipático, pero sen máis, tiña unha virtude que non lle quixera roubar por omisión: calcetaba moi ben . Era, sen embargo, unha cualidade á cal non lle daba m érito, pois por tratarse dunha actividade manual, considerábaa inferior ás ocupacións intelectuais en que entretiña a que el consideraba unha potente cabeza. A pesar de todo, non creo que ningunha das ideas que chegou a ter en materia de filosofía, política ou relixión foran comparables aos magníficos xerseis que tecía nos invernos. Levábaos o seu fillo pequeno na escola e todos sentiamos unha envexa que non tiñamos empacho en confesar, incluso a el.

Recordo un azul escuro, cun cervo branco no medio dun peito, que non sei como non llo chegamos a roubar nalgún recreo, cando o deixaba ben dobradiño para xogar connosco á churra e ao galope. Ademais, o valor do xersei aumentou cando o seu dono nos dixo que o animal do adorno non era un cervo, senón un reno nórdico. Na escola explicáronnos de que se trataba, o cal, polo menos para min, que imaxinaba outra cousa, perdeu a gracia.

Ignoro por que aquel home que dicía tan ben e que demostraba unha habilidade digna de ser admirada, estaba empeñado en ser filósofo, para o cal carecía de talento. Recórdoo de vello, despotricando contra calquera nome que tivese a desgracia de saír en letra. Nunha ocasión oínlle dicir que lle chegaría unha páxina do ABC para acabar en vintecatro horas co falso prestixio de Ortega, a quen consideraba xesuíta camuflado. Unha pena, porque os xerseis que facía eran unha marabilla.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de novembro de 1991.