La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando Adolfo Suárez era presidente do Goberno, nunha viaxe oficial que fixo á Arxentina, un periodista local, maliciosamente inspirado por un colega madrileño que coñecía ben o político español, preguntoulle se lera a Jorge Luís Borges, a gloria literaria do país. Naturalmente, a resposta foi o que se podía esperar: dixo que si. Non era outra cousa que a introdución necesaria para deixar ao interpelado en ridículo cunha segunda pregunta, esta dirixida a que explicase cal dos libros do escritor lle gustara máis.

Sen dubidar un segundo, Suárez contestou: “Todos”. O incitador da trampa fartouse de contar a historia nas tertulias de Madrid, glosando con palabras escandalizadas o que el chamaba un  papelón. Pouco despois quixo repetir a sorte en Bogotá con García Márquez, pero saíulle mal. A xente lista aprende rápido e ben.

Acabo de escoitar na radio ao citado periodista falando de Adolfo Suárez nuns termos eloxiosos que non serían difíciles de compartir se non viñesen de tal bolboreta. Que o ex-presidente non lera a Borges carece de importancia; hai millóns de españois que tampouco o leron, incluído probablemente o autor daquela maldade. Debe ser moi agradable que un presidente sexa un bo lector, pero é máis necesario que teña instinto político: unha virtude que pode salvar a todo un país, incluídos os que len a Borges.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de novembro de 1995.