La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven en Madrid para dar unha conferencia na Universidade Carlos III, no marco dunhas xornadas sobre a España das Autonomías, que nesta semana está dedicada a Galicia. A min tocábame falar con Gonzalo Torrente Ballester sobre escritores e letras galegas, pero tiven que intervir eu só porque o querido amigo acaba de pasar a gripe deste ano e tiña medo de que o volvese coller o frío. Fixo ben, aínda que perdeu un par de horas agradables, con centos de mozos e mozas cobizosos de escoitar falar de literatura.

Ademais, vai bastante frío. Por outra parte, como a universidade que goberna Gregorio Peces-Barba queda un pouco lonxe, alá en Getafe, hai que andar dun lado para outro en taxi e resulta inevitable expoñerse ao rigor dese coitelo frío, ás veces coa punta criminalmente afiada, que vén da serra cando sopra o vento do norte.

Por certo que o taxista que me trouxo ata o hotel contoume un catarro. Non me aforrou nada: nin as variedades da tos, nin as lágrimas, nin os afogos do peito, nin outras cousas menos santas, todo con pelos e sinais. Mentres tanto, eu ía pensando no fermoso acento con que falaba, difícil de identificar. Nun momento, empregou unha expresión que o delatou: “De aquella, yo trabajaba en un bar”. Entón xa lle preguntei de onde era. Díxome que das Neves e quixo saber como adiviñara que era galego. Pois polo “de aquella…”

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de novembro de 1997.