La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando falei onte aquí do medo que me producen os ratos, alguén me dixo que os tales son uns bichos fermosos, incluso simpáticos. Non digo que non, porque tamén coñezo xente que ve as cobras e os lagartos como animais de compañía. Hai anos, como se sabe, en Madrid e Barcelona púxose de moda ter serpes pitón nas casas, crocodilos pequenos e iguanas. Cando eu era estudante en Santiago, un dos irmáns Castroviejo, que agora é diplomático, andaba cunha cobra no peto do pantalón e no cuarto que compartía cun tal Machimbarrena, que tiña a cualidade de agatuñar polas paredes, convivía con outros animais, entre eles un teixugo.

A moda que hai agora, segundo me contan, consiste en facerse cuns monos ananos, non máis grandes que un paxariño, que ademais teñen cara de xente. Creo que son malos e ruíns, que incluso morden. Por se isto fose pouco, están case todo o día enfadados, coma ofendidos. Non lle vexo a graza, aínda que supoño que parte da emoción debe ser esa: vivir cunha cousa tan pequena e tan rabuda.

Nisto dos animais eu son clásico: gatos e cans. Non chego nin aos paxaros, incluídos os papagaios, nin ás tartarugas, aínda que confeso que de neno tiven un grilo metido nunha gaiola diminuta, alimentado con verza. Foi a miña única experiencia como carcereiro, da que me arrepinto, aínda que cando morreu aquel infeliz, fíxenlle enterro. En xeral, as especies raras ou pouco comúns prodúcenme certa inquietude, e algunhas, como dixen onte, auténtico medo. Non chego, non obstante, ao caso de don Vicente Risco que lle tiña pánico ás galiñas, segundo contaba Otero Pedrayo. Non lle faltaban motivos. Parece que lle confundían os ollos con figos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de outubro de 1998.