La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo meu, que é xastre e foi comunista, contoume nunha ocasión que despois da guerra, cando andaba metido en actividades políticas clandestinas, un día foi detido e conducido aos calabozos do Goberno Civil. Parece que os tipos que o interrogaron o trataron con bastante dureza, aínda que cunha brutalidade controlada e profesional, sen sobrepasarse nunca co castigo e permitindo ademais que se recuperase antes de iniciar cada nova sesión. O peor de todos foi o propio gobernador civil.

Polas noites, este individuo, despois de andar de troula cun par de amigotes polos barrios menos santos da cidade, cando volvía para a casa, antes de durmir, metíase na cela que ocupaba o preso e empezaba a golpes e patadas con el ata que se cansaba. O malo é que batía ao bruto, sen a limpeza académica dos mandados.

Un exemplo extremo de vocación torcida. Hai moitos. Por exemplo, a da directora da Renfe, que está empeñada en conducir ela mesma os trens, cousa que fai de forma habitual polas mañás, cando vai ao traballo. O que sucede é que carece da competencia necesaria e que os pobres dos pasaxeiros lle temen máis que o meu amigo xastre lle temía a aquel gobernador civil e policía afeccionado. Demócrata ao fin, a citada señora pide perdón á concorrencia cada vez que se lle vai a man nunha freada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de outubro de 1993.