La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A xenerosidade da bolsa que nos concedeu o Goberno de Berlín é tan grande que nos permite administrar o noso tempo con completa liberdade. Pola mañá escribimos nos nosos cuartos ata a hora de comer. O Freixanes anda a voltas cun conto onde hai unha cobra enorme polo medio, polo cal está empeñado en ir esta tarde ao zoo de Berlín, un dos mellores do mundo, para ver un exemplar de serpe que gardan alí. Aínda que a min este tipo de bichos me inspiran un noxo infinito, haberá que acompañalo.

O meu cuarto, amplo e luminoso, dá ao xardín dianteiro da casa, de costas ao lago. No fondo, agradézoo. Prefiro a vista dos tileiros que a da auga, pois aqueles distraen menos e iso permite aproveitar mellor o tempo. Desde que cheguei, escribín máis na novela que en varios meses na miña casa. Que non soe o teléfono resulta un milagre eficaz.

As tardes dedicámolas a facer turismo. Onte, por exemplo, atravesamos a ponte de Glienicker, apenas a un par de quilómetros do lugar onde vivimos. Na metade estaba antes a frontera con Alemaña do Leste. Era aquí onde se intercambiaban os espías, como se ten visto tantas veces no cine. Por el saíu Anatoly Scharansky, aquel avogado xudeu que os rusos cambiaron por varios axentes en 1986. Agora, aberto ao tráfico e sen policías nin barreiras, pareceume fermosísimo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de agosto de 1993.