La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había tempo que os periódicos non falaban do xeneral  Masud, ese militar afgán que leva xa bastante tempo combatendo os talibáns, ata agora sen moito éxito, polo que se ve. Este home, que non se deixa retratar por ninguén e que resulta un enigma para media humanidade, é coñecido na prensa internacional como o “León do Panshir”. Confeso que hai anos que sinto a curiosidade de saber como é, polo menos a través de fotografías, pero ata o momento non o conseguín. Non é por ningunha razón especial, pero gustaríame confirmar se estou equivocado ou non cando penso que o tal león debe ser un señor pequeno e miúdo, de voz afrautada e peito de polo.

En xeral, estes nomes impresionantes resérvanse para tipos pequenos, como ocorría co emperador de Abisinia, que levaba o alcume bíblico de “León de Judá”, pero que medía apenas un metro e cincuenta centímetros de alto e pesaba arredor de corenta e tres quilos. Xa dixen nunha ocasión que hai unha foto deste señor, feita por detrás, no que se ve presidindo un desfile subido no alto dun caixón.

Non sei quen bautizaría o xeneral Masud cun nome tan fermoso e tan temible, pero dáme a impresión de que debeu ser el mesmo, sen dúbida para asustar os inimigos. No suposto de que o citado militar exista, pois pode suceder que non sexa máis que un nome, igual que un amigo meu médico que vive no campo e non pode ter can porque a muller e os fillos senten pánico diante destes animais, polo cal resolveu o asunto pintando un cartel para a porta da finca onde di: “¡Coidado! ¡Can moi perigoso!” Non está mal e, para o caso, tanto ten. As cousas non necesitan existir para seren reais. Os mortos non se meten con ninguén, pero case ninguén o cre.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de agosto de 1999.