La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá, mentres nos dispuñamos a tomar o almorzo nun pequeno cuarto da Fundación Camilo José Cela, en Iria, unha das rapazas que nos trouxo o café e as pastas  entregoume a min, de parte dun panadeiro do lugar, unha bola de pan cunha pinta excelente. Sen pensalo, arrinqueillo o molete e púxenme a comelo. Debín de facelo con tanto entusiasmo que Cela, que se atopaba ao lado, apuntouse deseguido ao festín, de maneira que entre os dous, protestando de cando en vez do exceso que estabamos cometendo, demos conta, en media hora, da peza completa. Agradoume saber que o autor de La colmena ten tamén a debilidade do pan.

Foi un bo sinal porque, pouco despois, durante a conferencia que pronunciou no curso que estamos celebrando, Ana María Matute fixo caer algunhas bágoas dos ollos de moitos dos asistentes, emocionados polas palabras que a escritora dedicou a recordar como Cela, nunha época difícil da vida dela, a acolleu na súa casa durante meses, coma se fose da familia. Non me soprendeu. Dígoo polo do pan.

Por certo que, cando rematamos as sesións de onte, unha periodista veume facer unhas preguntas sobre o curso. Como se deu a circunstancia de que o conferenciante que tiña que abrir a xornada da mañá de onte, que era martes e trece, morreu cando xa estaban impresos os programas, falamos desas cousas da mala sorte, e tamén das contrarias. Por ese camiño, acaboume preguntando pola felicidade. Recoñezo que ese tipo de preguntas fanme sentir algo parvo, pois non sei que responder. Nese momento veume á cabeza unha tarde pasada no alto da Curota, e díxenlle que a felicidade podía ser así de sinxela. Igualiño que o pan.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14  de xullo de 1990.