La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A un gustaríalle vivir nun país onde non sucedesen estas cousas. Quero dicir que a un lle gustaría vivir nun país onde non houbese tantas traxedias como esta que lamentamos hoxe dos nenos mortos en accidente cando ían de excursión. Xa se sabe que é inevitable que haxa desgrazas deste tipo, pois son inherentes á forma de vida que nos demos, pero non hai dereito a que se produzan tantas e con tanta frecuencia. Hai países onde estes horribles percances suceden de xeito esporádico, non coa contumacia regular que entre nós os volve asunto trivial, fatalmente inexorable. Son países próximos, non distantes utopías que nos acenan desde un futuro incerto.

Falo de Europa, esa mediocridade de mercadores tan deostada, esa candonga luxuriosa que fere tan fondamente a sensibilidade de tantos espíritos puros, case anxelicais, que ven nesta parte do mundo unha morea inmensa de calamidades: capitalismo, egoísmo insolidario, sucursalismo americano, embrutecemento cultural, barbarie espiritual, degradación da sensibilidade, ruína do gusto… Un discurso descualificador que xunta nun mesmo carro a curas trabucaires e revolucionarios cabreados.

Pois nesa Europa emputecida, os autobuses non arrastran vidas inocentes con tanta frecuencia como aquí. Desde hai anos, un sentido da solidariedade nada romántico pero moi práctico, recada diñeiro entre todos os cidadáns para construír boas estradas. E un sentido da responsabilidade nada retórico pero moi efectivo impide que circulen por esas mesmas estradas autocares vellos, moitas veces exprimidos ata a última peseta perrallenta por propietarios miserables. Esa é Europa. O resto é iso que vemos todos os días nos periódicos, é dicir, a explosión dos Balcáns, os cachotes do que foi a Unión Soviética, os conflito de Oriente Medio… Nada que sirva de exemplo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de xuño de 1992.