La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De todos os artistas que coñecín, o máis natural de todos, o menos disposto a montar divagacións teóricas sobre a súa e obra e a dos demais, foi o escultor Antonio Faílde, que  conservaba, cando xa era famoso, a estrutura mental do vello canteiro que fora nas altas terras de Piñor. Irritado pola competencia que lle facían algúns colegas de Ourense, autores de obras de pouco tamaño, un día, con motivo dunha exposición colectiva en Madrid dixo que os ía esmagar enviando unha peza de cinco mil quilos.

No extremo oposto desta simplicidade campesina están centos de artistas que teñen elaboradas complexas teorías estéticas sobre a arte contemporánea, incluída a propia obra. Un dos máis coñecidos hoxe no mundo é o pintor catalán Antoni Tàpies, que acaba de facer unhas declaracións moi categóricas e despectivas sobre o realismo, que descualificou como unha arte para novos ricos.

As declaracións do pintor chegan no momento en que el acaba de gañar o León de Ouro na Bienal de Venecia por unha escultura que consiste nunha cama, un colchón vello, un lenzo branco, cinco somieres, uns coxíns e unha manta. Non nego que con eses elementos se pode facer unha obra de arte, aínda que dubido da súa transcendencia. O que me nego a aceptar rotundamente é que esa obra sirva para “activar un mecanismo que provoque o desexo da contemplación profunda”, como di o propio autor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de xuño de1993 .