La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un par de meses lin no New Yorker unha magnífica reportaxe de Paul Theroux sobre a raíña de Inglaterra e o seu home, o príncipe Filipe. Todo empezou un día en que o escritor, que acababa de chegar á súa casa de Nova York, atopou unha mensaxe gravada no contestador telefónico, na que alguén o convidaba a cear en Londres na noite seguinte. Theroux chamou de volta para escusarse, pero pronto cambiou de opinión ao saber que na cea, que se ía celebrar nun domicilio privado, estaría a parella real.

A raíña parece que estivo simpática, falando con graza, incluso con certa imprudencia calculada, dunha viaxe que fixera a un país pobre, non recordo cal. Mesmo se permitiu algún comentario maligno sobre algúns aspectos da organización, especialmente cando un atolondrado se abalanzou sobre o coche oficial.

Mentres tanto, o príncipe Filipe estaba aburrido, sen disimular o desgusto que lle causaba unha situación na que non pintaba nada. Cando rematou a cea e pasaron ao salón, quedou só, sen que ninguén lle fixese caso. Entón, Paul Theroux achegouse a el para facerlle compañía, pero atopouse cun tigre irritado, disposto a morder. Foi o que fixo. Á segunda dentada, o escritor deixouno por antipático. O príncipe cumpriu onte 75 anos. Por min, que cumpra os cen, pero con menos mala uva seguro que podía ser algo máis feliz.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xuño de 1996.