La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Leo nun periódico madrileño que agora a xente escribe menos nas portas e nos muros dos retretes. Un periodista fixo unha investigación durante varios meses e chegou á conclusión de  que, nese aspecto polo menos, o país está un pouco máis civilizado. Chamoulle a atención sobre todo que os motivos gráficos relacionados coa representación da virilidade son agora máis modestos, o cal interpreta o citado investigador, ben é certo que con pouca orixinalidade, como a superación dun complexo atávico.

Atavismo por atavismo, a cousa non parece ser exclusivamente española. Recordo unha carta dun cidadán sueco no periódico Aftonbladet, queixándose de que nos servizos do aeroporto de Copenhague a súa muller vira unhas pintadas indignas dun escandinavo, todas co mesmo sentido: enviar mensaxes ás rapazas estranxeiras para que visitasen Noruega, o paraíso do tamaño.

Ignoro que clase de complexo poden ter os noruegueses con esta historia, porque en Oslo vin eu, pintada tamén nun deses lugares, unha auténtica desmesura. Empezaba á altura da cisterna e ía baixando en espiral, arredor das catro paredes do cubículo, igual que unha serpe pitón, ata chegar ao chan. No medio había un escrito que dicía: “Made in Norway”. Unha amiga sueca díxome que os noruegueses teñen esa teima, pero que no fondo son inocentes. Tanto que cren na eficacia propagandística do método.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de maio de 1993.