La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Paola é unha rapaza italiana que está estudando en Santiago cunha bolsa Erasmus. Alumna do profesor Danilo Manera, que é amigo e tradutor meu, un día descubriu pola súa conta e por casualidade, nunha librería, a Biografía de Satanás, de Vicente Risco, e sentiuse entusiasmada co escritor ourensán, tanto que se puxo a ler as súas Obras completas, compostas por miles de páxinas, coa idea de facer sobre el a súa tese de licenciatura. Ela sospeita que non lle vai ser fácil, entre outras razóns porque aínda non ten claro como enfocar o traballo. Eu estou convencido de que todo sairá ben porque se trata dunha muller intelixente.

Dito isto, atrevereime a dicir tamén que Paola é espectacularmente fermosa, demasiado. Por iso me fixo raro que onte estivésemos os dous falando do demo, que Risco dicía que, ás veces, podía adoptar a forma dunha muller. Escuso engadir que nin me pasou pola cabeza semellante loucura, aínda que Paola fala moi ben o castelán. O do castelán, dígoo, porque Risco asegura que o demo, en Galicia, fala sempre nese idioma, pero tamén afirma que cando se disimula de muller, se un se fixa ben, vese que ten dentes de cabalo.

Descartado, polo tanto, o disparate de pensar que podía ser ese o caso, púxenme a matinar que o demo é máis ben home, aínda que non estou seguro de que, como ocorreu nunha  ocasión preto de Ourense, vaia vestido como un deputado e falando tamén en castelán. Onte, por exemplo, coincidín con Beiras nun acto público, pero como no caso da rapaza italiana, non tiven ningunha dúbida porque, aínda sendo deputado, fala sempre en galego. A ver se resulta que o demo non existe.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de maio de 2000.