La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo pasado, no mediodía, collín o auto para ir buscar os periódicos. Acompañábame un amigo, que levaba máis dunha hora falando con paixón da maneira de ser dos que el chamaba «os nosos paisanos», un grupo humano amplo e complexo, dotado dunha virtudes e duns valores que lle parecían tal vez únicos no mundo, e que a min, se digo a verdade, me recordaban ás cousas que se contan dos campesinos de outros países, algúns deles moi distintos do noso, tanto pola historia, como pola cultura ou a xeografía.

Díxenlle que o que el considera un rasgo antropolóxico característicos, como o costume de contestar a unha pregunta con outra pregunta, o tiña eu comprobado na cantábrica Vega del Pas ou na rexión sueca de Samaland, por exemplo. E que o estoicismo que el tanto ponderaba nos labregos do interior de Galicia non era moi diferente do estado de resignación permanente en que viven os campesinos bolivianos ou da sumisión con que se comportan os indios do Amazonas na súa relación cos brancos.

Conteille que dous domingos antes, indo tamén a buscar os periódicos, me parou un paisano para que o levara ata a Ramallosa. Como no asento de adiante se sentaba o  meu pai, díxenlle que subira atrás, entendendo por «atrás», naturalmente, os asentos da parte traseira. El entendeu, en cambio, que «atrás» era o maleteiro. Cando saín para sacalo do seu erro, xa el tiña un pé metido, con gran esforzo, porque era unha persoa maior, no lugar dos equipaxes. Seguro que lle parecía a cousa máis natural do mundo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de abril de 1988.