La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os nenos en xeral teñen dificultades para entender a forma correcta de moitas palabras que pronuncian os maiores e que só co tempo chegan a identificar. Eu recordo, por exemplo, que na novena do San Roque, á cal asistín durante moitos anos, se cantaba un himno gangoso e divertido no que había unha palabra que me resultaba enigmática, pois era algo do que o santo nos tiña que librar: pestimales. Tardei moitos anos en enterarme que onde eu escoitaba ese conxunto de sonidos sen significado, o que realmente dicía a xente era «peste y males».

Durante meses, polo menos durante todo o tempo que tardei en velo escrito por primeira vez, o nome do descubridor de América foi para min Cristo Balcolón. Como non coñecía a ninguén que se chamara Cristóbal, nin sabía siquera que tal nome existise, quedeime co nome de Cristo, o cal tiña  certa lóxica tratándose dun home que fixera algo tan importante como descubrir un novo continente. Tampouco entendía que houbese unha palabra como aniversario escrita nun dos meus primeiros libros de texto, que corrixín con satisfacción indescriptible, poñendo no seu sitio a que debía ser a lexítima: «universario».

Andando o tempo, alguén moitísimo máis novo ca min, tanto que era neno cando Amancio Prada emezou a cantar os poemas de Rosalía, contoume que a primeira vez que escoitou na casa un disco seu, lle chamou a atención que a canión estivera toda en galego, a non ser unha frase: «Pase niño». Durante moitos anos, segundo me confesou, cada vez que lle viña á memoria o disco de Prada, completaba o verso cun apócrifo, lóxico e personalísimo «pase señor». Era desta maneira como percibía el o que máis tarde ía aprender, xa na escola, como adverbio paseniño.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de abril de 1991.