La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, en Ourense, uns amigos fixeron unha queimada e eu sentinme obrigado a tomar unha pouca, máis que nada por non dar a nota, pois normalmente non bebo. Xa antes, durante a cea, acompañara con viño tinto, pero en cambio, á hora dos postres, non atendín a amabilidade do dono do restaurante, que estaba empeñado en que probase un —porto— de cincuenta anos. Pareceume unha descortesía, ademais dun disparate, pois non se pode dicir que resulte fácil de explicar unha renuncia semellante, pero algo me aconsellaba dentro de min (eu mesmo, por suposto) que non debía inxerir máis alcol aquela noite. Agora sei que fixen moi ben.

Rematada a cea e a tertulia, collín o meu coche para volver á casa, xa bastante de noite. Pouco despois de Quintela, no ramal que conduce á autovía, estaba a Garda Civil facendo un control, o primeiro que encontro na miña vida, eu que por Europa adiante teño pasado uns cantos. Pensei que me faltaba unha luz ou que simplemente me paraban.

Era para que soprase no aparato ese con que se mide o nivel de alcol no sangue. Nese momento pensei que, a min que nunca me tocou a lotería, ía tocarme aquela proba unha das poucas veces que bebera. Con corrección exquisita, o axente explicoume como había que facer, pero fíxeno moi mal, como se soprase para tocar a gaita, así varias veces. Sen perder a calma, el mirábame estupefacto, como a un idiota. Por fin acertei. Entón díxome que se vía que non bebera e deixoume seguir. Non lle contei que renunciara a un —porto— de cincuenta anos e que fora por un presentimento, porque despois do soprado, se por riba lle falo dunha corazonada, igual me toma tamén por tolo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de abril de 2000.