La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A primeira vez que asistín a unha conferencia tiña eu dez anos e foi para escoitar un padre misioneiro que viña de África. Estouno vendo: gordo e tranquilo, coa barba roxa en punta, o pelo pincho e a sotana branca, contando con viveza como lles disparaba con rifle aos elefantes que se bañaban no río e como estes sacudían as balas da pel coa mesma desgana que un can pode empregar para desprenderse dunha mosca pesada. Que un proxectil puidese rebotar no corpo dun ser vivo non me cabía na cabeza.

Despois de falar dos elefantes, o misioneiro contou tamén que naquel país de onde viña había xente moi alta, de cerca de dous metros, e xente moi pequena, que medía a metade da estatura dos máis grandes. Escuso dicir que aquela noite decidín ser como aquel home e nada máis espertar pola mañá funllo dicir á miña nai.

Onte estiven escoitando na radio un misioneiro que acaba de regresar desa mesma terra que encheu de maxia uns días da miña infancia. Coa viveza que o seu colega empregaba para describir a ineficacia das balas ao bater no corpo dos elefantes, contaba el como as machadas destrozan estes días as cabezas de moita xente. Non se sabe ben para que necesita un elefante, puro corazón de seda, unha pel tan dura. Esa debía ser a coiraza externa do home, tan fráxil fronte á crueldade do seu propio corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de abril de 1994.