La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Oínlle contar moitas veces ao meu avó, que alá polos anos finais da ditadura de Primo de Rivera, houbo unha pelexa da que foi vítima, non por participar directamente na batalla, pois era home tranquilo, senón por empeñarse en poñer paz entre os contendentes, o cal lle custou saír do suceso coa cara atravesada por un navallazo que lle chegou ata a mesma lingua. Desde entón, mentres viviu, unha marca escandalosa na meixela quedou sinalando sempre o punto exacto por onde lle entrou a barbarie.

Había unha parte daquela historia que tardei anos en comprender: desde entón, os de Xinzo, durante tempo, esperaban as leiteiras de Lamas na ponte do río, ao lado do campo da feira, e envorcábanlles os caldeiros con mercadoría. É dicir, que unha pelexa entre individuos acabou convertida nun enfrontamento entre pobos.

A lea parece que durou meses, non tanto pola causa inicial, senón polas gangas que pouco a pouco se lle foron xuntando e que día a día ían engordando o problema cada vez máis. Un dicía que as mulleres adulteraban o leite por procedementos indicibles; outro engadía que non era seguro que non lle botasen veleno; mesmo houbo acusacións relacionadas co meigallo. A maior parte da xente non participaba na guerra, incluso estaba en contra. Non serviu de nada. En xeral, os ruíns son poucos, pero teñen a furia do seu lado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de abril de 1995.