La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non son experto en asuntos relacionados co demo, aínda que lle oín falar moito sobre o asunto a don Vicente Risco, que lle fixo unha biografía a ese fulano de tal; pero paréceme que o periódico italiano que o outro día titulaba en primeira páxina que a xustiza ía por fin investigar as relacións de Belcebú coa Mafia, estaba equivocado. Referíase a Giulio Andreotti, o célebre político demócrata-cristián a quen algúns dos seus inimigos, e agora tamén a maxistratura, teñen acusado de manter relacións coa citada organización criminal.

Persoalmente sempre participei da opinión, en Italia bastante estendida, de que Andreotti é o demo, pero non exactamente Belcebú, nin Satanás; tampouco Lucifer. Eses son demos vellos e salvaxes, monstruosos, capaces quizais de provocar un terremoto ou de destruír unha cidade, pero con máis forza que a intelixencia e a imaxinación. Exactamente o contrario do que sucede con Andreotti.

En Galicia dise que o demo ten cara de coello para referirse a unha mentira moi grande. Realmente, o político italiano é dono dun mapa facial dunha riqueza expresiva única na Europa dos últimos cen anos, de maneira que se podería predicar del que ten tamén cara de coello, como se podería afirmar así mesmo que ten cara de garduña, de curuxa ou de cuco. Algo de paxaro, entre a voracidade de lóstrego dunha ave rapaz e a golfería intelixente dun bicho senvergonza, pero coa aparencia frailuna dun lampantín de viños de misa. Nunca Belcebú.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de abril de 1993.