La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que algún día falei aquí de Gilda, a famosa película de Charles Vidor que todo o mundo recorda pola protagonista feminina, Rita Hayworth, adornada con aquel vestido negro de seda e os guantes da mesma cor. Por culpa daquel filme tiven eu a idea de que os meus pais debían ser grandes pecadores, pois atrevéranse a ir vela despois de que don Cesáreo, o cura párroco, que se parecía a Pío XII, dixese expresamente desde o púlpito que era pecado moi grave asistir a aquela proxección. De todos os xeitos, en Xinzo de Limia non se chegou á histeria que se alcanzou noutros sitios, onde había xente rezando ás portas do cine.

Fóra de España, a cousa tomouse con máis calma no tocante á moral, pero con moito entusiasmo respecto da protagonista. Unha expedición de montañeiros subiu aos Andes cunha copia e enterrouna nun dos cumios para transmitila á posterioridade. E cando os americanos lanzaron unha bomba atómica de proba, en Bikini, tamén lle chamaron Gilda. Hai pouco pasaron a película na televisión e quedei a vela. O mesmo fixo un amigo meu, que a gravou en vídeo para mandarlla a unha irmá monxa, moi afeccionada ao cine.

Esta, nada máis recibila, comunicoullo á superiora, que decidiu dar un pase para toda a comunidade. Poucos días despois, o meu amigo, interesado por saber que pasara, chamou ao convento e preguntou. Respondéronlle que o pasaran moi ben, que lles parecera unha película entretida. Estou totalmente de acordo coas monxas, pois iso foi o que me sucedeu a min. Espero, polo tanto, que a aquelas persoas que a viron cando aínda era pecado e que xa morreron, os trasladen ao ceo para aplaudirlle a estas monxas cando cheguen alá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de marzo de 2000.