La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A José Agustín Goytisolo, o poeta que acaba de morrer, non é que o vise moito, pero cando coincidiamos en reunións ou congresos, pasabámolo ben. A última vez creo que foi en Lisboa, non recordo con que motivo. Fomos cear con Rafael Conte e Antonio Martínez Sarrión. A primeira sorpresa, nun home que estaba cheo delas, consistiu en dicirnos que a embaixada española lle puxera un coche con chofer, cousa que era certa, como puidemos comprobar cando nos trasladou ata o restaurante e despois ao hotel.

A cea, andando José Agustín polo medio, empezou literaria, seguiu sentimental e rematou xogando aos monos, que era a súa paixón. No hotel, metémonos os catro no meu cuarto, pois José Agustín queríanos contar un programa de televisión no que el intervira uns días antes e no que quedara como unha especie de heroe. Pasadas as cinco da mañá, os tres abandonaron o meu cuarto, pero uns minutos despois volveu Goytisolo cunha petición insólita: se lle podía axudar a marcar o teléfono da casa porque tiña o dedo canso.

Coñecín a súa obra antes de coñecelo a el persoalmente. Fun lector dos seus versos durante anos e sempre lle tiven moita estima como poeta. A primeira vez que nos saudamos foi en Barcelona, a comezo dos setenta, creo que no Ateneo, se non recordo mal. Non me custou nada sentirme amigo seu desde que intercambiamos as primeiras frases, tan cordial e amable era. Logo vivimos xuntos, con outros compañeiros, situacións disparatadas, algo que non era raro nun home coma el, orixinal, espontáneo e despistado. Xa sei que hai unha retórica funeral que obriga a recordar os mortos como excelentes persoas. Neste caso era certo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de marzo de 1999.