La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai dous días escoitei na radio un señor que escribiu un libro para saír da crise económica na que estamos metidos. Polo que deducín das súas palabras, a solución non descansaría nunha única receita, senón en cen. Unha das primeiras, que o autor asegurou ser moi importante, consiste en non deixarse deprimir cando as cousas van mal. Aclarouno cun exemplo: se o dono dun restaurante se deprime pola crise, a súa tristeza pode ría ocasionar un trato pouco amable cos clientes, o cal repercutiría dunha forma aínda máis negativa no negocio.

As demais receitas eran parecidas: loitar con decisión contra o medo, avivar a imaxinación, controlar mellor os gastos, prescindir de todo o que sexa innecesario… Falaba o citado señor cun entusiasmo sincero, perceptible incluso no ton impulsivo que lle daba ao seu discurso, unha corrente imparable de consellos.

Pareceume que o optimismo deste home era desa especie inundada que compromete a intelixencia, unha potencia á cal nunca lle deben faltar unhas pingas de escepticismo. Foi precisamente a ausencia deste último o que deixou silencioso ao autor do libro durante uns segundos, cando o locutor lle fixo unha pregunta sinxela e con sentido común: se a solución da crise resulta unha cousa tan sinxela por que razón non se sae dela. A resposta, nada difícil de prever, foi maxistral: os seres humanos somos bastante parvos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de marzo de 1994.