La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Contoumo o outro día un dos interesados, aínda que loxicamente non direi quen foi. Resulta que un condutor de coche oficial, un día levaba a un cargo político, xa de noite, bastante tarde,  de volta para a casa. O malo era que aquel home, despois de cumprir co seu traballo aínda tiña que percorrer uns cantos quilómetros máis para chegar ao seu propio domicilio. Non era raro, polo tanto, que fose de mal talante, sobre todo porque, por riba, o outro ía estomballado no asento de atrás, calado e medio durmido. A irritación empezou a comer por dentro ao condutor, ao cal se lle ía enchendo a cabeza pouco a pouco de malos pensamentos.

Os pensamentos convertéronse nunha enxurrada de improperios non expresados, que ía moendo para si. No fondo, viña ser algo como dicir que el ía alí conducindo, mentres que o xefe nin se decataba, adormecido como un porco, cada vez máis ausente. Os insultos e as maldicións enviáballos a través do espello retrovisor, con miradas asasinas.

No medio da viaxe, houbo que parar a botar combustible nunha estación de servizo. Rematada a tarefa, proseguiron a viaxe, pero daquela o enfado do condutor xa se convertera en desprezo, pois o pasaxeiro de atrás xa nin se vía. Púxose a pensar: “Ala, dorme, animal, ronca se queres a perna solta, que xa tanto me dá. Oxalá que cando chegues á casa se che pasen as ganas de durmir e teñas unha noite de can”. Cando arribaron, o chofer abriu a porta para que o transportado baixase e descubriu que non estaba. Baixara na estación de servizo, sen que el se decatase, e deixouno en terra. O malo foi que tivo que dar volta a buscalo. E o peor aínda, que cando chegou, xa o outro collera un taxi.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de febreiro de 2000.