La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Imaxinemos unha universidade cotrosa, composta por unha serie de chabolas miserables con tellado de latón, onde os alumnos reciben as clases, e un grupo de pequenas chouzas con teito de colmo, que alberga os dormitorios de profesores e estudantes. Sobre este horrible panorama, engadamos unha guerra e os bombardeos que de cando en vez rebentan as fiestras das aulas. A lóxica e o sentido común obrígannos a tirar a conclusión de que dun centro universitario desa natureza non pode saír nada importante para a ciencia.

Pois así era a unversidade chinesa de Kunning cando nela estudaban Chen Ning Yang e Tsung-Dao Lee, dous mozos daquel país que algún tempo despois, acabados de cumprir os trinta anos, haberían recibir o Premio Nobel de Física. Neste caso, a mesma lóxica e o mesmo sentido común impóñennos a conclusión de que o talento, que é cousa do espírito, é sempre superior á falta de medios materiais.

Estes dous sabios que grazas á súa intelixencia foron capaces de superar tantas dificultades e que grazas á súa colaboración fixeron importantes descubrimentos no campo da física teórica, acabaron separándose ao non se poñeren de acordo sobre cal dos dous debía figurar en primeiro lugar á hora de firmar os artigos ou a quen lle correspondía a orde de prelación no momento de recibir o premio en Estocolmo. Nesta ocasión, a lóxica e o sentido común quedan tan desconcertados que non saben que conclusión tirar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de febreiro de 1993.