La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe pola tarde, cando aquí sexan as nove da noite, estarei chegando a Nova York. Unha viaxe rápida, sen tempo para cambiar os hábitos do sono, e regresar deseguida, a continuar coas tarefas de a diario. O Instituto Cervantes organizou unhas conferencias de escritores e alá vou, xunto con Joan Perucho e Rosa Regás, dous bos amigos. Co primeiro teño coincidido en moitos sitios: Moscova, Armenia, Baltimore, Londres, Liverpool… Dabondo para trabar unha relación sólida, case familiar e divertida.

Perucho, ademais, viaxa sempre coa súa muller, que cre en fantasmas e sabe moitas historias relacionadas con ese mundo. Tanto que asegura dispoñer dun deles na súa casa. Nesta ocasión, como ocorre cada vez que nos atopamos, probablemente traerá novidades de ultratumba. As horas de avión pasan así máis rápidas.

Polo demais, Nova York é unha cidade que sempre resulta estimulante. Por se fose pouco, coincidindo coa nosa estancia, hai un concerto de Anne-Sophie Mutter, a miña violinista predilecta, que toca como ninguén e por riba ten o aliciente de ser guapísima. Mel nas filloas. Claro que, de momento, aínda non conseguín arranxar o asunto das entradas, que está difícil. Ao final, se non fose posible asistir ao concerto, tampouco pasaría nada: con dar un paseo pola rúa, a festa está garantizada. Incluso co frío que vai.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de febreiro de 1996.