La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días, nun programa de televisión que trataba sobre a violencia no fútbol, saíu un rapaz novo que se declarou abertamente racista. Foi unha declaración de natureza física, sen arroupamento ideolóxico de ningún tipo, como quen di que lle doe unha moa ou avisa de que vai comer porque ten fame. Nalgún momento, quizais como unha excrecencia cultural que llesaíu dos escasos anos de escola, este personaxe pronunciou sen demasiados problemas a palabra Europa e pediu que esta fosesó para xentes brancas coma el.

Branco, o que se di branco europeo, é dicir, un individuo alto e xuncal, de ollos azuis, pelo loiro e cranio dolicocéfalo, el non era exactamente. Polo menos, tiña o pelo escuro, un nariz sospeitoso, talvez reminiscencia lonxana dalgún xene africano, e un corpo sólido, pequenote e chaparrete. Con esa anatomía de tenda de ultramarinos non é como para andar presumindo de pureza racial.

Desde logo, este individuo, solto nalgúns barrios conflictivos e duros da Euroa de arriba, probablemente ía levar unha sorpresa. Para uns personaxes igualmente simples coma el, máis dados a sentir que a pensar, podía ser un discriminado calquera, igual que un negro, un mouro, un xitano ou un turco. A fronteira da diferenza é sempre arbitraria e todo ser humano, incluído este mozo musculoso que proclamaba a súa superioridade o outro día na televisión, nunca estará libre de que alguén o considere tamén inferior.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de xaneiro de 1993.