La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un día, estando de expedición no Amazonas, o profesor Edward O. Wilson, da universidade de Harvard, un home ben coñecido polos amantes da natureza, descubriu de súpeto un montón de diamantes que relucían baixo o sol. Non era máis que aparencia: tratábase de arañas, a especie que hoxe coñecemos co nome de arañas-lobo. En lugar de sentirse decepcionado pola perda dun tesouro fabuloso, o profesor Wilson sentiuse feliz. Para el, aquel bichiño valía moito máis que os pretendidos diamantes que acababa de perder.

Poucos homes no mundo estarían dispostos a cambiar unha morea de pedras preciosas por un animaliño repugnante, feo e velenoso, cun aguillón na cresta capaz de penetrar como un raio na pel de calquera infeliz que se atreva a molestalo. Coa particularidade de que non é posible saber que entende unha araña por molestia.

Desde aquel día, o profesor tomou conciencia de que existe unha bichería múltiple, miúda e invisible, que anda polo chan, que fura na terra, que sobe ás árbores e que voa polo aire sen que apenas nos decatemos da súa existencia. Miles destes seres desaparecen cada día arrasados pola xente. E todos eles son necesarios. O profesor Wilson, que acaba de dedicarlles un libro delicioso, pretende salvalos. Di que sería moi fácil: con intelixencia e sentido común. Nese caso, dáme a impresión de que ten a batalla perdida.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de xaneiro de 1994.