La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estou en Madrid para presentar a edición en español da miña última novela. O día non empezou ben, pois nada máis chegar ao hotel, atopeime con que perdera o documento de identidade e as tarxetas. Ser despistado ten algunhas vantaxes de tipo espiritual, pero ocasiona non poucos problemas de tipo práctico. De todos os xeitos non está mal isto de pasar por diante dos escaparates coa conciencia de non ser máis que un mirón, sen que nos pase pola cabeza a tentación de mercar algo. Unha boa vitoria sobre o Demo.

Polo demais, a comida cos periodistas foi moi grata. Montamos unha tertulia que durou dúas horas, na que non me deu tempo a probar bocado porque Juan Cruz, o meu editor e amigo, tiroume da lingua para que contase historias. Ao final, pasámolo todos ben, incluída a miña saúde, pois un descanso á gula non lle vén mal.

Eu levei comigo un bo puro, que non sei por que razón se negou a funcionar, de maneira que, despois de darlle catro caladas, tiven que prescindir del. Foi o único contratempo de toda a velada. Cando volvín ao hotel para descansar un pouco e escribir este artigo, decateime de que fora un día de renuncias obrigadas: ás compras, aos praceres da mesa e ao cigarro. Supoño que Satanás debe estar que trina contra min por unha derrota tan clara. Así que haberá que ter coidado, porque o Perello é rancoroso e malvado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de xaneiro de 1997.