La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo nunha revista noruega unha reportaxe sobre o problema de Eva Sannum, a rapaza daquel país que tantos comentarios suscitou aquí pola súa relación co herdeiro da coroa española. En xeral, as persoas interrogadas, de todas as clases e condicións sociais e culturais, amosaban a súa perplexidade, cando non a súa incapacidade para entender os motivos do conflicto. Para algúns dos entrevistados, as explicacións serían de tipo relixioso; outros aínda se acordaban de Franco e a súa herencia; non faltaban os que pensaban que se trataba dunha manobra política. Finalmente, dous ou tres confesaban que non lles importaba.

Coñezo bastante ben ós noruegos. Figuran entre as mellores xentes que teño atopado na miña vida: educados, respectuosos coa vida dos demais, con escasos prexuízos, abertos. O espectáculo do herdeiro da coroa casando cunha nai solteira, que aquí provocou tantos escándalos, aceptárono con normalidade. Da mesma maneira que aceptan a monarquía e estiman ós monarcas, a pesar de que a inmensa maioría da poboación é republicana.

Aínda que os dous países, España e Noruega, distan pouco máis de tres mil quilómetros, e a pesar de que ambos os dous están en Europa e teñen unha mesma raíz cristiá, manteñen en cambio importantes diferencias. Esto leva a pensar no difícil que debe ser o diálogo entre culturas e mentalidades diferentes. Escoitando o outro día a un historiador español falando con seriedade do problema deses amores frustrados, acordeime dunha entrevista que lin non sei ónde cun profesor afgano que intentaba explicar por qué as mulleres do seu país levan o burka. No fondo, parecíanse bastante. Dentro de cen anos, todo será máis fácil.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de decembro de 2001.