La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había un señor na miña vila que falaba en prosa literaria. Quero dicir que escollía as frases e as palabras cun coidado tan grande que prefería dicir “túnido” en vez de “atún” e “colixir” en vez de “deducir”. Nunha ocasión, mentres suaba a mares, pois era gordo, escoiteille unha frase fantástica: “En el estío arrecia la furia de Febo”. Supoño que quería dicir que no verán vai moita calor.  Era un exemplo daquilo que conta Antonio Machado, cando o profesor Mairena lle pide a un alumno que poña en linguaxe normal a frase “los eventos consuetudinarios que acontecen en la rúa” e o rapaz escribe “lo que pasa en la calle”.

Xente desta, que fala en bonito, hai bastante. Arturo Lezcano e mais eu tiñamos un amigo en Ourense que nos citaba en calquera parte da cidade “al filo de las siete” e que un día nos dixo que o río Miño parecía unha “piscina impetuosa” ou que o pelo dunha rapaza morena e guapa que se bañaba naquel sitio era negro “como ala de cuervo”.

Onte, mentres ía no coche, escoitei na radio un home que falaba coma un grelo florido. Escollía as palabras con delectación, coma se chupase caramelos, e recreábase nelas, tanto na música, que coidaba con esmero, coma no significado, que aquilataba. Por exemplo, nunca dicía “creo que”, senón que empregaba sempre a expresión “soy de la opinión de que”. Por certo que estaba falando do señor ese do fútbol que anda en problemas coa xustiza. Tiña tanta preocupación por deixar claro que o citado gozaba do principio de “presunción de inocencia” que se lle esqueceu aplicar a mesma vara ao xuíz do caso, pois nun momento chegou a insinuar que se trataba dun caso de persecución.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de decembro de 1999.