La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non sei que será do meu amigo Framil, bigote branco e melena ao vento, que na Compostela de hai trinta anos, cando el era xa cincuentón, compartía un emprego de camareiro para estudantes, nun comedor modesto da Algalia, coa nobre profesión de inventor. Moitas noites, despois de deixar a moza nun domicilio misterioso da parte vella da cidade, buscábame para pasearmos xuntos polas rúas, eu a meditar nas murrias melancólicas da adolescencia, el a explicarme con entusiasmo o último dos seus inventos, todos revolucionarios.

Esperaba, desde había anos, unha resposta de Eduardo Barreiros, empresario poderosísimo daquela época, a quen lle enviara os planos e a descrición dun aparello sinxelo pero eficaz, destinado a recuperar a moita forza que se perdía inutilmente no retroceso dos canóns. Tratábase dun instrumento aforrador, a mecánica do cal esquecín xa, pero que resultaba moi atractiva, case poética.

O meu amigo Framil vivía coa sospeita e a amargura de ser estafado por Barreiros, que nunca lle respondeu. Estaba convencido de que o seu aparello xa se empregaba por aí. Quizais tivese razón. Desde hai uns días, na televisión serbia, asustado pola inminencia das eleccións, Milosevic fala de inventos revolucionarios, igualmente milagrosos e poéticos, na industria nacional do armamento. Con eles promete gañar a guerra dunha forma rápida e definitiva. A ver se resulta que se fixo cos planos do artiluxio de Framil.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de decembro de 1992.