La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Se non fose porque onte, ao falar das cheas que había en Xinzo antes de que desecasen a Lagoa de Antela, me acordei dalgunhas persoas da miña infancia, tería practicamente  esquecidos os Refrescos Lola. Sen embargo, déronme non poucas alegrías de pequeno, por máis que non fosen outra cousa que auga gaseada en plan bravo e polvos de cores, uns de limón esvaído e outros de laranxa rabiosa. O que pasa é que daquela aínda non entraran no mercado español as grandes marcas internacionais, que seguramente estaban feitas do mesmo xeito, con auga e pos, pero con química avanzada, moi diferente da propia do país, que non debía pasar moito da gaseosa con boliche e da moi querida botella de sifón.

Esta señora Lola, que lle daba nome ao citado refresco perralla, era unha boa muller, seria e traballadora, pero que tiña a particularidade de falar como se estivese chorando, dixese o que dixese. Na vila había moitos golfos que a imitaban, especialmente o Euloxio Portela, o carpinteiro, que era veciño, tabique por medio, e que con frecuencia daba ordes no seu nome, só por coña, para confundir os empregados.

Ademais dos refrescos, este matrimonio tiña un café moi concorrido,  o Café Antela. Tiñan tamén un neto a quen os demais nenos lle chamabamos Felipito Malaleche, porque de pequeno era un pouco rabudo. Un día, porque os avós lle rifaron, non sei por que motivo, subiu no alto dun velador de mármore, co local cheo de clientes, e púxose a berrar como se estivese posuído polo Demo: “¡No beban los refrescos de mi abuela, que se ciscan!” O caso creou conmoción, pois moita xente estimaba que o rapaz falaba por boca de ganso, e o volume do negocio baixou. Na miña casa, por exemplo,  deixouse de mercar. Durante algún tempo, eu mirei o Felipito como un canalla que me arruinara unha fonte de pracer. Hoxe, en cambio, seguramente lle tería que estar agradecido por protexerme a saúde.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de novembro de 2000.