La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, un señor paroume na rúa en Madrid e preguntoume se falaba español. Non sei en que tribo me puido catalogar. Hai anos, en Armenia tiven a experiencia de que algunha xente se dirixía a min, na cidade de Ereván, falándome en armenio, dando por feito que era do país. Pola indumentaria que portaban supuxen que se trataba de campesiños desorientados no medio daquela grande urbe de cor rosa que indagaban unha dirección.  De maneira que tirei a conclusión de que eu podería pasar facilmente por armenio.

Hai xente que non parece difícil identificar. Por exemplo, os nórdicos. Tamén se coñecen bastante ben os americanos, sobre todo os gordos. Polo que respecta aos irlandeses, hai un  tipo grande, loiro e colorado, que resulta inconfundible. En España, en cambio, non existe un prototipo que represente de maneira clara ao español.

Se excluímos a iso que eu chamo o delgado nacional, escurrido e pequeno, de pómulos pronunciados, pel de oliva e bigote xeométrico, o resto difumínase nun conglomerado de variedades que non se poden reducir a un común denominador. A non ser os vascos, que se identifican deseguida polo nariz e a face triangular, ademais do Rh, polo menos se lle facemos caso ao señor Arzallus. De xeito que as diferenzas tenden a desaparecer. Por min, que Deus vaia con elas. Se somos todos iguais, que se acabe notando tamén.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de novembro de 1997.