La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eu non sei se don Antonio Cánovas del Castillo era tan feo como di Valle-Inclán e menos aínda se tiña expresión de can e patas de galo. Polos retratos que nos chegaron a través dos libros de Historia, parece un home convencional, quizais cunha lixeira aparencia canina de especie nobre, pero tampouco demasiado relevante. O que sen dúbida debe ser certo é que na conversa de diario, mesmo cos bedeis, metía unha gramática aplastante e repoluda, que Valle imita de forma intelixente e maliciosa nalgúns dos seus libros.

Menos escollida de falas foi dona Isabel II, que tiraba a muller de barrio, ocorrente e simpática. Do seu ilustre consorte, o mariconciño de don Francisco de Asís, dicía cousas tremendas; por exemplo, que estaba feito de pasta flora. Nada importante en aparencia, se non fose que esa frase era un simple pretexto para buscar a rima que lle permitía engadir que mexaba agachado como unha señora.

Entre Cánovas e a raíña Isabel II, algúns políticos conservadores teñen optado estes días polo modelo popular da segunda, aínda que con sal groso. Fraga dixo iso que todos sabemos que dixo e Jordi Pujol acaba de declarar que aos socialistas os hai que mandar á merda de dous en dous. A expresión do presidente galego, rotunda e diáfana, non necesita ser interpretada, resulta transparente. A do presidente catalán, en cambio, é outra cousa: ten bicho. Habería que saber por que dixo de dous en dous e non de cinco en cinco.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de novembro de 1992.