La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estou escribindo estas liñas no aeroporto de Barcelona, sentado nun butacón bastante incómodo, co ordenador posto sobre os xeonllos, mentres moita da xente de arredor me mira con sorpresa. Isto de que haxa persoas que aínda se sorprendan con este tipo de cousas prodúceme alegría. Cada vez resulta máis difícil atopar seres inocentes, capaces de entusiasmarse con nada. Recórdame aqueles anos nos que un simple aparato de radio portátil provocaba o pasmo ou cando os primeiros televisores deixaban a xente pampa.

Vou a Baltimore, nos Estados Unidos, e se quero cumprir coa miña obrigación diaria, non teño máis remedio que facer isto que estou facendo. Un nunca está seguro de que lle deixen utilizar o ordenador no avión, por medo a que poida perturbar os instrumentos de abordo. Ademais está o problema do cambio de hora.

Agora mesmo espero a chegada do meu compañeiro de viaxe, o escritor catalán Joan Perucho, compinche en tantas destas peregrinacións literarias. Xuntos estivemos na Unión Soviética, en Inglaterra e non sei en cantos sitios máis. Como se trata dunha persoa agradable e divertida, vello amigo de Álvaro Cunqueiro, o éxito está asegurado. O que temos que facer en Baltimore é pouca cousa: falar sobre literatura fantástica nun congreso de hispanistas americanos que van tratar ese asunto. Iremos contando.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12  de novembro de 1994.