La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No xuízo que se celebrou hai xa tempo contra Totó Riina, un dos xefes da mafia italiana, o fiscal acusouno de ser o cerebro da organización. Coa voz suave que adoita usar cando fala en público, poñendo cara de paisano infeliz e maltratado, o criminal respondeu que a honorable sociedade non estaba rexida por ningún cerebro, senón por un gran corazón. O fiscal, irritado polo cinismo do elemento, pero sen perder a calma, aproveitou para facer unha reflexión: quizais era certo o que dicía, pero seguro que se equivocaba de víscera.

Onte mesmo, os periódicos falaban dun terrorista exipcio que a policía do seu país considera tamén un cerebro, neste caso o que dispuxo o atentado contra o escritor Naguib Mahfuz, Premio Nobel de Literatura, a quen lle pegaron unha navallada de cabrito no pescozo e estiveron a punto de mandalo para o outro barrio.

En principio, concibir un crime así non require demasiado cerebro. A calquera se lle ocorre que se alguén peta na porta dunha casa cun ramo de flores na man, as probabilidades de que lle abran son bastante altas. A segunda alternativa, en caso de que falle a primeira, como sucedeu, tampouco resulta excesivamente  complicada: agárdese a vítima nun lugar propicio e méteselle unha puñalada na gorxa. Para este tipo de accións, o cerebro vale pouco; máis ben sobra, polo menos para matar un vello de oitenta e tres anos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de outubro de 1994.