La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos coñecín na casa de Ramón Piñeiro un home educado e culto, de porte elegante e trato moi agradable. Era na época de Franco e viña en viaxe política clandestina, aínda que non recordo a misión concreta que traía. Lémbrome, iso si, de que o personaxe me cativou pola súa sensibilidade e a súa intelixencia. Anos despois, convertido nunha figura relevante da vida política española, empezou a dicir e facer insensateces e desatinos a tal velocidade que moi pronto se converteu para moitos nun tipo moi pintoresco.

Agora leo nos periódicos que o partido do que forma parte acordou iniciar unha campaña para poñer en cuestión a monarquía. Ou moito me equivoco ou a proposta saíu da cabeza daquel home. Como se sabe, as cabezas non serven para todo. Dicía Unamuno, por exemplo,  que a vantaxe de xogar con frecuencia ao xadrez é que desenvolve moitísimo a intelixencia para xogar ao xadrez.

Un entende que un político debe ser unha persoa que resolva problemas, pero a miúdo sucede que hai políticos que os inventan.  Este é un caso moi evidente. Se algo funcionou ben neste país nos últimos anos é precisamente a monarquía, tanto que a cuestión da xefatura do Estado deixou de ser, por fortuna, un asunto polémico. Agora, cunha enorme falta de sentido da oportunidade e a responsabilidade, os colegas daquel home intelixente queren revolver no avispeiro. Vese que a intelixencia non serve para todo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de outubro de 1992.