La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte escoitei na rúa unha señora que lle chamaba cabra a unha rapaza nova, probablemente a súa filla. Non me sorprendeu a nomeada, que xa escoitara noutras ocasións, senón oíla de novo despois de tantos anos. Cando eu era rapaz empregábase bastante, sempre para referirse a mozas lixeiras de cascos e algo aloucadas, pero desde hai tempo estaba en desuso. Agora utilízase con carácter universal a palabra idiota, que non é máis que un desafogo irado, carente de calquera vontade descritiva.

Resulta evidente que o campo semántico dos insultos se empobreceu de xeito considerable nos últimos anos. Foise reducindo practicamente ao capítulo menos brillante dos vocábulos relacionados coa falta de intelixencia: estúpido, subnormal, retrasado… Mesmo a palabra burro, algo máis expresiva, está tamén en retroceso.

E desapareceron formas como nena cagada, reservada para as rapazas que non se deixaban peitear polas avoas; e vaca, para as gordas sen graza; ou loba, que designaba sempre a unha muller forte e temible por calquera razón. Das nomeadas que se lles aplicaban aos homes, recordo con agrado a de chimpafigos, que incluso levaba de forma permanente na miña vila un tipo pequeño e pándigo, algo chisgarabís. Se o chegan a bautizar hoxe, seguro que quedaba en parvo, o cal sería inxusto e inexacto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de setembro de 1993.