La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Coñecín varias persoas que estiveron condenadas a morte, dúas das cales seguen gozosamente vivas: o escritor e político vasco Mario Onaindía e o meu paisano Camilo Dios,  guerrilleiro despois da Guerra Civil. Outro máis, o Xudas, pastor de ovellas alá nas terras da Limia, morreu hai anos de morte natural. Creo que xa teño contado algunha vez como salvou a vida por simple sentido común: cando o xuíz ditou a súa sentenza fixo un xesto co brazo, como ofrecéndolle unha labazada, e preguntoulle se estaba mal da cabeza.

O sentido común salvou o meu veciño. A lóxica, que é cousa moi diferente, permítelle a un americano gordo, segundo contan os periódicos, ir aprazando a execución que ten decretado un tribunal. Como pesa máis de douscentos quilos, hai o risco de que a corda da forca lle arrinque de raíz a cabeza no momento de colgalo.

A lóxica conducirá tamén a este home ata a morte dunha forma irremediable. O xuíz di que a decapitación violaría a dignidade do reo, un grave problema moral que ten unha solución sinxela, xa apuntada por alguén: pódese aforcar o condenado na cama; tecnicamente é posible. Aínda hai outras solucións igualmente lóxicas: reducir a dieta do home; calquera médico tería argumentos para demostrar que con douscentos quilos hai perigo de infarto. Quedaría a solución do sentido común, pero a lóxica é máis poderosa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de setembro de 1994.