La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Fun pasar un par de días fóra de Nova York, a tres horas de viaxe en coche, na casa de campo que uns amigos teñen nun lugar solitario, rodeada de árbores, sen veciños arredor. De pronto, despois de tanto tempo sufrindo os ruídos da cidade, o silencio cantaba nos ouvidos. Polas noites, mentres falabamos na terraza, despois de cear, o que se oía non era o estrondo constante dos avións nin o barullo angustioso das ambulancias e os coches da policía, senón o ouvear de lobo dos coiotes escondidos na escuridade do bosque. O ceo, por outra parte, estaba limpo e transparente, tanto que a Vía Láctea parecía unha nube próxima, espesa, intensa e branca.

Polo día, dediquei algunhas horas a observar a xogo dramático que se traen entre si os falcóns e os “chipmunks”, unha especie de esquíos minúsculos, preciosos, que abundan alí. Viven entre as pedras, pero teñen que saír a buscar de comer, mentres os seus inimigos andan alá arriba, no ceo, furando cos seus ollos, esperando que un daqueles bichiños cometa algún erro.

Os “chipmunks”, non obstante, están ben preparados para esa batalla aparentemente desigual. En primeiro lugar, as colores das listas que marcan o seu corpo diminuto permíntenlle confundirse coa herba e coas follas, pero contan ademais cunha lixeireza que os fai parecidos ás pulgas na velocidade coa que saltan dun lado para outro. No tempo que dediquei a observar o espectáculo, os falcóns non gañaron nunca.

Alegreime de que fose así. Entendo como debe ser a fame dun animal que ten que cazar a outro para comer, pero entendo mellor ao que pelexa para non ser comido e que ademais se alimenta de landras e non lle fai mal a ninguén.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de setembro de 1998.