La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Parece que hai unha seca feroz e que nalgún lugar de España os bispos xa dispuxeron que se rezase a oración ad petendam pluviam. Esa oración rezábase moito en Ourense cando eu era rapaz, o que me leva a pensar que non debía chover moito nalquel entón. Escoiteina algunha vez, pero non recordo nin unha palabra máis que as que acabo de citar. Báixame ata a memoria, en cambio, unha historia que xa teño contado, relacionada con esa oración, e que tivo como protagonista a don Florentino L. Cuevillas.

Para os que non o coñeceron, hai que dicir que don Floro era un home dunha personalidade xigantesca, católico sincero e algo beato, intelixente e galeguista fiel, dos de pureza de diamante. Andaba moito nas igrexas, rezaba o rosario todos os días e non faltaba endexamais á misa. En punto a confesión seguía a práctica das persoas devotas, que acudían á penitencia unha vez á semana, polo menos.

Un día, nunha época en que o bispo da diocese mandara rezar pola chuvia, don Floro foise confesar cun amigo meu, que lle falou en castelán. Sorprendido, o penitente botoulle un discurso ao confesor no que lle dixo máis ou menos que se os curas seguían falando así, non ía chover endexamais porque as nubes pensaban que estaban en Castela e non deixaban caer a auga, pois tiñan esa orde de parte de Deus Noso Señor. Desde entón hai xente que, segundo o tempo, sabe como falan os curas galegos nos confesionarios.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de setembro de 1992.